Aposta pola abordaxe integral da violencia de xénero e da corresponsabilidade

Trátase dun documento-guía para os vindeiros cinco anos que conta cuns obxectivos claros e unhas medidas deseñadas para reforzar, coordinar e intensificar a promoción da igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero. Nel distínguense cinco áreas de acción: abordaxe integral da violencia de xénero, educación en igualdade, participación social, apoderamento e benestar, emprego, conciliación e corresponsabilidade e transversalidade de xénero na administración local.

En total, o plan está composto por 5 obxectivos xerais, 12 obxectivos específicos e 76 medidas deseñadas para corrixir ou compensar as situacións de desigualdade e discriminacións existentes. Ponse énfase na sensibilización á sociedade sobre as distintas formas de violencia contra as mulleres con medidas como a presentada esta semana, o protocolo de actuación ante agresións sexuais en espazos de ocio, así como o reforzo da interderivación e o impulso da Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero, entre outras.